Convento-Casa Consistorial

O Convento é rectangular, con dous andares, patio interior e engadidos secundarios. A fachada principal, que fai ángulo co adro da Igrexa, ten a porta de entrada en escorzo e está gardada por pilastras de estilo toscano que sosteñen o entablamento. Na parte superior remata cun reloxo, gardado por unha especie de pequena bufarda. É obra do coruñés Ramón Antonio Iglesias, quen o instalou no ano 1862. A súa esfera está coroada por unha campá fundida en Mondoñedo.

No interior atópase o claustro. Nunha das paredes da escaleira principal hai tres escudos labrados en pedra. Considérase que un deles é a versión orixinal do emblema ortigueirés, atopado en 1907.

O Convento foi ata o ano 1835 o centro relixioso e cultural da Vila. Trala desamortización o Estado apropiouse do edificio e vendeu as súas posesións. Cárcere, escola, cuartel... foron algunhas das funcións ás que se dedicaron as súas dependencias.

Este conxunto conventual está na actualidade restaurado, tanto interior como exteriormente. As instalacións acollen unha prestixiosa Casa Consistorial, reinaugurada en 1995, e o Centro de Interpretación.

A Casa Consistorial rahabilitouse seguindo o proxecto do arquitecto ferrolán Ramón Riveira López. Destaca a Sala Capitular ou Salón de Sesións, no pavillón de entrada do segundo andar. Nesta estancia pode verse o teito artesoado que data de 1886.