Montes

Serras Faladoira e Coriscada

Esténdense ao longo duns 30 Km. en dirección NE - SO desde a cabeceira do Eume ata Estaca de Bares. Constitúen as estribacións máis norteñas da Dorsal Galega e serven de liña divisoria entre as augas que verten á rí­a do Barqueiroe aas da Rí­a de Ortigueira.

A Faladoira sitúase á parte Sur, ocupando parte dos concellos das Pontes e Ortigueira. O Alto do Caxado, cos seus 756 m de altitude é o seu punto máis alto e un dos máis elevados da provincia.

A Coriscada ocupa a parte Norte, dividindo os concellos de Mañón e Ortigueira. O Alto da Coriscada é o seu punto máis alto, con 521 m.

Son serras practicamente despoboadas, cuxo aproveitamento económico limí­tase ao pastoreo de gando equino e vacún en réxime de semiliberdade, á repoboación forestal de piñeiros e á instalación de complexos eólicos.

A contorna natural está marcada por unha vexetación predominante de matogueira baixa autóctona (con especies protexidas como a Erica mackaiana) e por unha abondosa fauna aví­cola.

Desde o punto de vista arqueolóxico destaca a presenza de numerosos túmulos megalí­ticos.

Serra Capelada

Esta serra esténdese en dirección NE-SO polos concellos de Cedeira, Cariño e Ortigueira, servindo de liña divisoria entre a rí­a de Ortigueira (ao leste) e a rí­a de Cedeira (ao oeste). Nela atópanse os cantí­s máis altos da Europa continental (uns 600 m. de altitude)

A grandes liñas pódese observar o predominio de monte baixo e bosquetes de piñeiros. Tamén a presenza de gando bovino e equino en liberdade.

Xeoloxicamente ten un enorme interese, forma parte do Complexo cabo Ortegal e contén as rochas máis antigas achadas ata o momento na Península Ibérica, unhas anfibolitas de 1.150 millóns de anos de antigüidade.

As peculiaridades xeomorfolóxicas e xeolóxicas (está formada, fundamentalmente, por rochas básicas e ultrabásicas) propician a existencia de biotopos con caracterí­sticas únicas nos que viven numerosas especies de flora e fauna endémicas. A herba de namorar (Armeria pubigera), o caracol Elona quimperiana ou o tamén protexido coleóptero escornabois (Lucanus cervus) son algúns exemplos. A importancia da súa fauna herpetolóxica e aví­cola é tamén salientable.