Barrio do Ponto
Este é o barrio no que residiron os primeiros habitantes de Santa Marta. Está formado por rúas irregulares e estreitas, como a maioría das casas que a elas asoman. Sitúase arredor da Praciña dos Anxos, un espazo de escasas dimensións dividido por dúas zonas a diferente altura unidas por unha escalinata. O conxunto data de finais do século XIX.
Accedese á Praciña dende a Praza de Isabel II, a través das rúas da Amargura, Príncipe ou Manuel Sandomingo. Destaca ao seu carón a casa da familia Maciñeira.
Na Praciña situábase a Casa do Concello, un edificio de planta cadrada, con aspecto rexio e antigo. As entradas do conxunto están na parte baixa e na rúa de San Roque. A pesar do seu aspecto humilde, neste inmoble tiveron lugar diversas actuacións do Alcalde Maior de Xustiza e Rexemento. Albergou asemade as oficinas do Concello, os arquivos administrativo, xudicial e o dos escribáns, ata que pasaron ao edificio conventual en 1848. Nove anos despois foi sede da primeira escola de nenas da Vila. A construción orixinaria data do século XVI.
Dende aquí, a rúa San Xosé lévanos ata a alameda do Ponto, tamén chamada Cemiterio Vello. Este espazo arborado acolleu a igrexa parroquial -e os enterramentos adxacentes- ata o ano 1849. Máis arriba atópase o que fora Hospital de San Roque, inaugurado en 1885.
Este paseo polo Ponto remata na parte norte do recinto do Cemiterio Novo. Situado na mesma punta da Península do Requeixo, está aberto á beleza e á brisa da Ría.