Rutas
O municipio de Ortigueira, os seus produtos e as súas xentes son os protagonistas das rutas suxeridas de seguido. Itinierarios que, ben á beira do mar ou desde os máis altos cumios, che permitirán coñecer polo miúdo os segredos que agochan estas terras.
Estes percorridos ofrecen a veciños e visitantes a posibilidade de descubrir paraxes singulares e máxicas, vivir en primeira persoa o traballo de pescadores, mariscadoras e algueiras e, como colofón, entregarse aos placeres da boa mesa.
Rutas
Ruta da Intermareal de Ladrido
A ría de Ortigueira - Ladrido, a máis ampla de todo o norte de Galicia, constitúe un punto de observación de aves privilexiado. A ruta da intermareal permite observar a diversidade faunística da zona.
Espasante. Ruta dos mariñeiros.
Lecer e cultura combínanse nesta ruta por terras desta típica vila mariñeira. Xunto ás praias máis concorridas do municipio, lugares de interese histórico como o castro de Punta dos Prados ou a Garita da Vela.
Ruta dos cantís de Céltigos
Tramos de costa en estado puro, con espazos dignos de ser visitados, como Punta Bandeixa ou a praia da Mansa. A ruta dos cantís ofrece impresionantes panorámicas do Cabo Ortegal e areais para todos os gustos.
Céltigos. Ruta da Pena Furada
Montes escarpados que se abrazan coa costa e miradoiros desde os que contemplar espectaculares vistas. Descubre a praia virxe máis longa das rutas propostas e a Pena Furada, un auténtico pórtico do mar.
Loiba. Ruta das algas
Achégate a este paraíso natural por descubrir, na parroquia de Loiba, con praias virxes e pronunciados cantís. Un percorrido que che permitirá coñecer de primeira man o oficio das algueiras.
Ruta de Mera - Capelada
Flora e fauna en semiliberdade, neste itinerario que combina fervenzas, áreas recreativas, os restos arqueolóxicos do Castelo do Casón e panorámicas de excepción da ría de Ortigueira, dende distintos miradoiros.
Ruta das serras
Un percorrido que ofrece a posibilidade de coñecer a antiga vía de tránsito natural entre As Pontes e o porto de Bares, empregada dende o Neolítico. Panorámicas únicas e restos arqueolóxicos nesta ruta das serras.
Ruta do borde litoral de Ortigueira
Diversos puntos destinados á observación de aves, un tranquilo paseo entre piñeirais coa ría de Ortigueira como fondo ou a extensa praia de Morouzos son só algúns dos atractivos deste percorrido.
Ruta do Casón
O río Casón é o protagonista desta pequena ruta circular que nos leva por dúas fervenzas e un xacemento cunha das mellores vistas da ría de Ortigueira.