Praias de Ribeira do Carro - Fábrega/Os Castros - Gaivoteira
Zona de especial beleza paisaxística, caracterizada pola sucesión de pequenos areais flanqueados por cantís de gran altura. Acceder aos mesmos só é posible aventurándose en zigzagueantes e pendentes carreiros terrizos que permiten chegar a nivel do mar. Sen dúbida, o máis practicable é o de Ribeira do Carro desde onde se poderá acceder, en marea baixa, ás outras calas.
Trátase dun tramo do litoral practicamente virxe, salpicado de escarpados illotes, de rochas de formas caprichosas e pequenas pozas. Só o bramido do mar bravío de Loiba rompe o silencio deste espazo natural incluído no LIC Estaca de Bares.
Estas tres praias esconden unha das estampas de maior interese "etnográfico" do Camiño da Costa, a das recolectoras de ourizos e de algas que faenan na zona, e as dos seus burros, encargados de subir cantil arriba o material recolleito.
No marco do proxecto de Turismo mariñeiro de Ortigueira, mellorouse o acceso a dous destes areais (O Carro e Gaivoteira) e construise un pequeno miradoiro para gozar do espazo en toda a súa magnitude.