COMO CHEGAR

TREN:

Ortigueira está comunicada por ferrocarril con Ferrol e Asturias mediante a liña de vía estreita que percorre a costa. No municipio de Ortigueira hai varias estacións e apeadoiros: Santa María de Mera, Ponte Mera, San Clodio, Senra, Santa Marta de Ortigueira, Espasante e Loiba.

Esta liña permite desprazarse entre diferentes localidades da coamrca e continuar a viaxe cara Ferrol ou Asturias, pasando por Ribadeo e chegando ata Xixón ou Oviedo.

Para consultar horarios, percorridos, tarifas e condicións do servizo, podes consultar a información en: https://www.renfe.com/es/es 

BUS:

A compañía Arriva opera en Ortigueira mediante a liña Ferrol – Hospital da Costa (Burela). Esta liña permite chegar a Ortigueira desde Ferrol e continuar o percorrido cara á Mariña lucense.

Ao seu paso polo concello de Ortigueira, o servizo realiza paradas en diferentes parroquias e núcleos, facilitando os desprazamentos entre o municipio e outras localidades da comarca.

Para consultar horarios, percorrido, paradas e tarifas, podes consultar a información en: https://arriva.es/es/galicia/para-viajar/lineas-horarios 

COCHE:

A principal vía de acceso a Ortigueira desde o interior é a AC-101, que conecta o municipio coa AG-64, procedente de Ferrol, As Pontes de García Rodríguez e Vilalba. A AC-101 enlaza coa AC-862, que permite continuar cara ao núcleo urbano de Ortigueira e comunicar coas diferentes parroquias e lugares do municipio.

Desde A Coruña e Santiago de Compostela, debes tomar a AP-9 en dirección Ferrol e, posteriormente, continuar pola AC-862 en dirección Ortigueira.

Desde Oviedo, existen dúas alternativas principais. A primeira consiste en seguir pola A-8 en dirección A Coruña ata Vilalba (Lugo), tomar o desvío cara a As Pontes e Ferrol pola AG-64 e, na saída 33, continuar en dirección Ortigueira pola AC-101. A segunda opción é continuar pola A-8 e a estrada da Costa, tomando o desvío cara a Foz e Viveiro pola N-642/LU-862 e, posteriormente, continuar cara a Ortigueira-Ferrol pola AC-862.

Desde Madrid, debes tomar a A-6 en dirección Galicia ata Baamonde (Lugo). Desde alí, continúa en dirección Ferrol-As Pontes pola AG-64 e toma a saída 33 en dirección Ortigueira pola AC-101. A AC-101 enlaza coa AC-862, que permite acceder ao núcleo urbano de Ortigueira.

Desde a AC-101 e a AC-862 parten outras estradas que permiten acceder ás diferentes parroquias, núcleos e lugares do municipio, tanto na costa como no interior.

AEROPORTOS:

Os aeroportos de Santiago-Rosalía de Castro e o da Coruña están a 130 e 90 km. de Ortigueira, respectivamente. Ambos os dous reciben voos nacionais e internacionais con carácter diario. O aeroporto de Asturias atópase a aproximadamente a 218 km de Ortigueira e ofrece conexións con diversos destinos nacionais e internacionais.

Podes obter información sobre as compañías que operan neles e as rutas que cobren na web de Aeroportos Españois e Navegación Aérea -AENA-.

PLANIFICA A TÚA RUTA:

Se vas viaxar en coche, podes calcular a túa ruta e consultar información adicional a través do mapa de Google Maps dispoñible.