A vila de Santa Marta, capital do Concello de Ortigueira, é tamén o centro administrativo e comercial do municipio.
O seu casco histórico desenvólvese entre a ría e a Av. Escola de Gaitas, que atravesa a Vila.
O porto deportivo é un dos primeiros lugares que se visitan, pois conta cunha ampla zona de aparcadoiro gratuíto, que permite deixar o coche e comezar unha visita a pé, tanto polo casco histórico como polo paseo marítimo.

Próxima ao aparcamento, presidindo os Xardíns de Xulio Dávila, atópase a escultura máis icónica da vila, O Gaiteiro de Ortigueira. A obra do escultor pontevedrés Francisco Leiro mide catro metros de altura e está feita en bronce. Foi inaugurada días antes da celebración do Festival Internacional Celta do ano 2007 e representa a un gaiteiro desfilando.

Xusto detrás da escultura do Gaiteiro atópase a Área Recreativa Xardíns Julio Dávila, unha das áreas verdes máis antigas da Vila.
Dentro desta área cabe destacar un conxunto de cipreses de extraordinarias dimensións, incluidos no catálogo de Árbores e formacións senxeillas de Galicia. En xaneiro de 2009 sufriron graves danos co paso do temporal Klaus.

Tomando a travesía da Alameda accedemos ao casco histórico. Á dereita atopamos as anchas beirarrúas do Cantón, que se desenvolveu urbanisticamente no século XIX e onde conviven armonicamente edificios de estilo modernista e indiano e galerías.

En dirección oposta á rúa do Cantón atópase a praza Isabel II, que da acceso ao barrio antigo.
Esta praza acolle o cobertizo do mercado vello, levantado no lugar que ocupou o antigo cárcere, próximo á “porta da vila”. A estructura actual, de estilo ecléctico, foi construida en 1917, sustituindo a unha anterior, e nela celebrábase o mercado.
Hoxe en día o Mercado Vello serve de escenario de diferentes celebracións culturais, destacando sobre todas elas a inauguración do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, motivo polo cal locen todo o ano as bandeiras das oito nacións celtas, que son izadas cada mes de xullo.
Tamén na praza Isabel II se atopa o antigo Conxunto Conventual, que na actualidade acolle a Casa Consistorial, a igrexa parroquial e o teatro de Beneficencia.
Este edificio do s. XVIII pertenceu á orde dos Dominicos, ata a súa exclaustración no ano 1835, con motivo da desamortización de Mendizábal. A partir dese momento a igrexa do convento pasou a ser a parroquial, que garda no seu interior tesouros como o retablo barroco do altar maior ou o nacemento con estrutura e murais de Camilo Díaz Valiño.
É visitable todos os días de 19 a 20 horas, salvo xoves e domingo que abre de 11 a 12 horas.

O convento, renovado entre os anos 1991 e 1998, acolle as oficinas municipais, as salas de exposicións dos claustros e o teatro de Beneficencia. Este último foi construido na segunda metade do s. XIX, como espazo lúdico e cultural, cunha finalidade benéfica, que lle da o nome. Inspirado na corrente estética dos grandes teatros italianos da época, destaca pola súa decoración.
As pinturas do teito, realizadas polo artista local Vicente Martínez Lage, están inspiradas na mitoloxía clásica e gardan semellanza con outras da época que podemos atopar en grandes cidades. O telón, que representa un lenzo da Vila vista dende a ría, foi pintado por outro artista ortigueirés, Pedro Castiñeiras.
Na actualidade forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios e continúa desempeñando un papel fundamental na vida cultural da vila.

Dende aquí ascendemos polo barrio do Ponto, o máis antigo da Vila, de orixe medieval e formado por rúas estreitas e irregulares.
Na parte máis elevada observamos un antigo muíño de vento, construído a finais do século XIX no lugar que ocupou a antiga torre medieval. Hoxe en día serve de excepcional mirador do pobo e do porto deportivo.

Un sendeiro que parte do muíño conecta ca rúa Príncipe, que atravesa o barrio do Ponto e pasa polo Cemiterio Novo.
Este cemiterio municipal destaca polo seu valor histórico e artístico, dado que as obras de construción, a finais do século XIX, foron costeadas por algúns emigrantes indianos. Mostra disto son os impresionantes mausoleos da entrada.


