PORTO DE ESPASANTE

O Porto de Espasante é unha vila mariñeira de carácter urbano, cunha zona histórica formada por rúas estreitas e irregulares que conducen ata o areal da Concha. Nas súas proximidades aínda se conservan casas tradicionais con corredores balaustrados.

Este lugar mantén tamén vellas tradicións, como a do porco de San Antón, que é a última deste tipo que se conserva en Galicia. O animal é alimentado polos veciños, que tamén lle permiten andar libremente polo pobo. Esta tradición remata o 13 de xuño, cando o porco é poxado en público, para costear as festas patronais.

O litoral é un dos principais atractivos da localidade destacando polas súas praias.

A praia da Concha, resgardada e de augas tranquilas, é a máis próxima ao núcleo urbano e conta con paseo marítimo e servizos para os visitantes. Talvez todas estas características fana máis familiar.

Ao norte, a praia de San Antón está máis exposta ao mar e presenta maior ondaxe, polo que tamén é frecuentada para practicar surf.

A praia de Santa Cristina, situada xunto ao porto, é un pequeno areal de area fina e ben resgardado, separado da Concha polas instalacións portuarias.

Entre os elementos de interese patrimonial destacan o Xacemento Arqueolóxico de Punta dos Prados, un antigo asentamento castrexo situado xunto ao mar, e a Garita da Vela, antigo posto de vixilancia costeiro construído no s. XVIII para protexer a localidade das incursións piratas. Na actualidade, é un miradoiro da boca da ría de Ortigueira.

Espasante conta con varias zonas de aparcadoiros, e as curtas distancias entre o porto, as praias e os principais puntos de interese permiten percorrela comodamente a pé.

Acceso: na parroquia de Espasante, pola a AC-862, tomar calquera dos dous desvíos que indican Porto de Espasante.

Ver en Google Maps