A costa de Loiba constitúe unha auténtica sucesión de monumentos naturais. É este o litoral máis salvaxe do municipio, e tamén o máis descoñecido. O mar esculpiu na zona impresionantes cantís de filitas e xistos e perforou rochas, dispoñendo unha sorte de covas coñecidas como furnas. A parroquia de Loiba, situada no extremo nordés de Ortigueira, é punto de visita obrigada para quen desfruta da natureza e as paisaxes máis agrestes. O río Esteiro suca o seu territorio, desembocando no areal do mesmo nome, xa pertencente ao veciño municipio de Mañón, tras cruzar uns humidais de marcado interese ornitolóxico.

Por aquí discorre o Roteiro das Algas, dentro da última etapa do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico que cobre 20 km do litoral do municipio, desde a praia de Esteiro ata o embarcadoiro de Ladrido. Precisamente o nome vénlle dado polas algueiras e ouriceiras que, ata comezos deste século, traballaban nesta costa recollendo algas e ourizos coa única axuda, para subilos cantil arriba, que os seus burros. Actualmente, as mariscadoras da Confraría de Espasante continúan a recoller as algas e os ourizos que suben a pé polo cantíl.
Os carreiros zigzagueantes que foron formando ao longo dos anos estas traballadoras do mar e que xa forman parte do noso patrimonio inmaterial, son os únicos que permiten acceder a algunhas das pequenas praias virxes da zona. O carácter salvaxe da costa de Loiba fixo que sexa elixida por numerosos directores de cine, para localizar as tramas das súas películas. Así, serviu de estudo improvisado a filmes como “Matías xuíz de liña” (1998), “Hotel Danubio” (2003), “O tesouro” (2007) ou “Os Crebinsky” (2010) e series de televisión como “A ira” e “Piratas”.

Nos últimos anos, esta zona fíxose especialmente famosa grazas ao Mellor Banco do Mundo®, que converteu ao Miradoiro de O Coitelo nun punto de visita obrigada para calquera turista que se achegue ás Rías Altas e queira desfrutar das mellores vistas.


