ARQUEOLOXÍA

Ortigueira conta cun variado patrimonio arqueolóxico. Non en van, os primeiros habitantes das terras do Ortegal instaláronse arredor do ano 35.000 a.C., na etapa coñecida como Paleolítico Superior

As primitivas sociedades evolucionaron baixo a influencia doutros pobos atlánticos, da cultura mediterránea e por suposto do imperio romano.

Toda esa evolución histórica fixo que chegaran a nós vestixios de diferentes épocas, como enterramentos do neolítico, achados metálicos da Idade de Bronce, asentamentos castrexos da Idade de Ferro ou ánforas romanas atopadas na ría de Ortigueira. Mesmo a toponimia da zona fai referencia á pegada dos nosos ancestros máis lonxanos.

A continuación cítanse os que son accesibles e visitables.

NECRÓPOLE DE FORNO DOS MOUROS

O conxunto tumular de Forno dos Mouros localízase na divisoria da serra da Coriscada, liña de cumios que comunica Estaca de Bares con As Pontes, por onde discorre o Camiño dos Arrieiros.

O xacemento está composto por nove túmulos, dos cales só o nº4 e nº5 foron escavados e recuperados para a súa visita.

Nas labores de escavación do túmulo nº5 atopóuse unha segunda cámara que nun primeiro momento funcionara exenta. As datacións de carbono-14 sitúana no ano 4.400 a. C., sendo así unha das máis antigas de Galicia.

Esta cámara foi trasladada ao Museo Ortegalia, onde estivo exposta ata o seu peche.

Acceso: na estrada AC-862 en dirección Espasante, á altura do Baleo, tomar o desvío cara Couzadoiro CP-6111, e continuar 1,3 km. Coller o desvío da esquerda cara o Parque Eólico da Coriscada pola DP-4402 e seguir 7 km máis ata o cruce do parque eólico. Dende aquí continuar a pé 500 m polo camiño da esquerda.

Ver en Google Maps

CASTRO PUNTA DOS PRADOS

O xacemento arqueolóxico de Punta dos Prados é un poboado fortificado costeiro, peninsular, situado sobre o peirao de Espasante. Está rodeado de acantilados e protexido por dúas murallas e dous foxos. Foi construído entre os séculos IV e I a. C.

No recinto habitacional atopáronse obxectos da vida cotiá, como cerámicas, utensilios de metal e muíños de pedra. Tamén destaca o monumento con forno, unha sauna ou baño de vapor datado no século II d. c.

Outro elemento importante é o antigo acceso ao poboado, formado por unha calzada de cantos rodados situada entre as dúas murallas.

Acceso:

Ver en Google Maps