
Praia de Morouzos
A praia de Morouzos é o areal máis extenso da ría de Ortigueira e Ladrido, cunha lonxitude de varios quilómetros e unha ampla franxa de area escura e fina. É unha praia rectilínea, exposta ao vento e con ondada moderada, situada nunha contorna natural de gran valor paisaxístico.
Un dos seus principais atractivos é o amplo cordón de dunas litorais que se estende tras o areal, considerado un dos sistemas dunares máis representativos de Galicia. Este conxunto natural favoreceu a formación da lagoa de San Martiño, situada ao suroeste da praia e recuperada no ano 2006.
A contorna de Morouzos reúne unha gran diversidade de ecosistemas, desde as zonas intermareias ata o sistema dunar e o piñeiral posterior, que proporcionan un hábitat de especial interese para numerosas especies de flora e fauna. Ademais, coa baixamar, a praia forma un tómbolo coa illa de San Vicente, creando unha paisaxe de gran beleza no interior da ría.
Pola calidade das súas augas, os servizos dos que dispón e a súa contorna natural, a praia de Morouzos conta coa Bandeira Azul. As súas características de praia tranquila e os servizos dispoñibles fan que sexa un areal especialmente indicado para gozar en familia. É, ademais, unha praia sen fume.
Dispón de:
- Aparcadoiro.
- Acceso adaptado.
- Duchas.
- Aseos.
- Servizo de socorrismo durante o verán.
- Servizo de limpeza.
- Parada de tren (RENFE FEVE) e de bus a aproximadamente 2 km.
- Aloxamentos e establecementos de restauración nas proximidades.
Praia de Vidueiros
Calas de Ladrido que, ata a data, eran só territorio reservado para os avezados pescadores. Situadas fronte ao porto de Espasante, a primeira conta cun minúsculo areal e a segunda é a típica ribeira.
No marco do proxecto da limpeza e sinalización do “Camiño da Costa” incluise un acceso a pé a estas praias, que forman parte da “Ruta intermareal de Ladrido”.


Ribeira de Santa Eulalia
Praia da Concha
É a praia que elixen a maioría dos veciños e veraneantes de Espasante. De feito, o pequeno pobo mariñeiro levántase á súa beira. De area branca e fina, e augas tranquilas, está dotada de todos os servizos (duchas, aseos adaptados, socorrismo, recollida selectiva). É, tal vez, a praia máis familiar do municipio.
O areal, que dispón de paseo marítimo e linda nun dos seus extremos co porto desta pequena localidade, conta cun pequeno cordón dunar en fase de recuperación.
Resultan rechamantes os restos, situados a pé de praia, de tres antigas fábricas de salgadura da zona, incluÃdas desde 2009 no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.
A Concha é o punto de partida da “Ruta dos mariñeiros” que forma parte do “Camiño da Costa”.


Praia de Santa Cristina
Pequena cala de area branca e fina, situada xunto ao dique do porto de Espasante. Resgardada do vento, constitúe punto de paso obrigado para descubrir o xacemento castrexo de Punta dos Prados.
Inclúese no Camiño da Costa, dentro da “Ruta dos mariñeiros”.
