
Praia de Morouzos
É o areal máis extenso dentro da Ría de Ortigueira e Ladrido, contando cuns 4 quilómetros de lonxitude e 110 metros de anchura.
Ten forma irregular, aplanada en dirección norte-sur e alongada nos seus extremos, debido á formación de barras areosas.
O máis destacable do areal de Morouzos-Cabalar é o cordón de dunas litorais que se forma a continuación, sendo un dos máis representativos da comunidade galega. Este cordón de dunas propiciou o represamento de auga que deu lugar á formación da lagoa de San Martiño, situada ao suroeste da praia e recuperada recentemente.
A totalidade da área de dominio público marítimo da praia, que contén unha gran variedade de ecosistemas de alto valor e que comprende desde os chans intermareais fangosos ata un sistema dunar completo e un piñeiral traseiro, foi obxecto fai un lustro dun proxecto de rexeneración que permitiu ademais mellorar os equipamentos (servizos adaptados, aparcadoiro, pasarelas, refuxios) e a accesibilidade.
Pola súa calidade, o seu alto nivel de servizos e o compromiso coa divulgación ambiental (puntos de interpretación natural, torretas observación aves), a praia de Morouzos, a única con area escura do Norte, conta desde fai anos coa Bandeira Azul e a Bandeira Ecopraias.
Praia de Vidueiros
Calas de Ladrido que, ata a data, eran só territorio reservado para os avezados pescadores. Situadas fronte ao porto de Espasante, a primeira conta cun minúsculo areal e a segunda é a típica ribeira.
No marco do proxecto da limpeza e sinalización do “Camiño da Costa” incluise un acceso a pé a estas praias, que forman parte da “Ruta intermareal de Ladrido”.


Ribeira de Santa Eulalia
Praia da Concha
É a praia que elixen a maioría dos veciños e veraneantes de Espasante. De feito, o pequeno pobo mariñeiro levántase á súa beira. De area branca e fina, e augas tranquilas, está dotada de todos os servizos (duchas, aseos adaptados, socorrismo, recollida selectiva). É, tal vez, a praia máis familiar do municipio.
O areal, que dispón de paseo marítimo e linda nun dos seus extremos co porto desta pequena localidade, conta cun pequeno cordón dunar en fase de recuperación.
Resultan rechamantes os restos, situados a pé de praia, de tres antigas fábricas de salgadura da zona, incluÃdas desde 2009 no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.
A Concha é o punto de partida da “Ruta dos mariñeiros” que forma parte do “Camiño da Costa”.


Praia de Santa Cristina
Pequena cala de area branca e fina, situada xunto ao dique do porto de Espasante. Resgardada do vento, constitúe punto de paso obrigado para descubrir o xacemento castrexo de Punta dos Prados.
Inclúese no Camiño da Costa, dentro da “Ruta dos mariñeiros”.