
Muíño de mareas de Senra
Interese histórico – marítimo e interese natural fúndense neste espazo lúdico, que constitúe un museo en si mesmo.
Tras anos de abandono, a rehabilitación do enxeño hidráulico, situado ao fondo da Ría de Ortigueira, na parroquia de Senra, recupera parte da historia social e económica local.
A visita supón unha viaxe no tempo para coñecer a tecnoloxía e comprobar como funciona, movido pola enerxía do mar, este muíño de fariñas, de 1910.
Aproveitando a súa situación, na zona húmida protexida que é a Ría de Ortigueira- Ladrido, a instalación dispón de zona reservada para a observación de aves, con material especializado. Ademais, é sede da Asociación ornitolóxica Calidris.

Muíño de vento de Campo da Torre
Atópase no máis alto do outeiro que domina a Vila, sobre o barrio do Ponto. Tras décadas en estado ruinoso e oculto tras eucaliptais, o muíño de vento foi reconstruído de xeito fidedigno pola Fundación Ortegalia no ano 2005, de maneira que, na actualidade, estaría en condicións de traballar como outrora.
De corpo cilíndrico, cuberta xiratoria e con catro pares de aspas, quen ascenda á zona verde e visite o inmoble poderá descubrir a súa impresionante engrenaxe que conserva as dúas pedras de moer, unha para o trigo e outra para o millo, e coñecer o seu funcionamento.
O emblemático muíño foi construído no ano 1888 nun lugar de marcado interese arqueolóxico. Non en balde, neste emprazamento levantouse, no seu día, un poboado castrexo (consérvase o foso que rodea a cúspide do outeiro) e posteriormente unha fortaleza medieval reformada en época moderna.

Santuario de Portas
Templo situado na serra da Panda (parroquia de Devesos), próximo ao histórico “Camiño dos Arrieiros” que, ademais de pola súa localización nunha contorna natural de gran beleza, destaca pola notable simboloxía e a cantidade de lendas e tradicións que ten asociadas. Entre as máis populares, atópanse as que aluden ás propiedades da auga da fonte próxima ao santuario, da que se di que dá boa sorte e axuda a curar penas e males.

Área recreativa de Mera
O máis caudaloso dos ríos ortegáns, o Mera, suma atractivos. O seu interese ambiental resulta incuestionable, non só porque forma na súa desembocadura a ría de Ortigueira, senón tamén por conservar a típica vexetación de ribeira. Bidueiros, abeleiras e salgueiros conforman a paisaxe das súas marxes, a carón de multitude de árbores froiteiras, especialmente maceiras, que reflicten a notable fertilidade do val.
A creación dunha área recreativa en Mera, un illote situado nas proximidades xa de Ponte Mera, non fai senón engadirlle valor a este espazo. Nel comezan a agromar propostas de turismo ambiental, centradas no desenvolvemento de obradoiros e rotas de camiñadas destinadas a descubrirlle aos visitantes os encantos deste enclave natural.

Costa de Loiba
A costa de Loiba constitúe unha auténtica sucesión de monumentos naturais. É este o litoral máis salvaxe do municipio, e tamén o máis descoñecido. O mar esculpiu na zona impresionantes cantís de filitas e xistos e perforou rochas, dispoñendo unha sorte de covas coñecidas como furnas.
Xunto a elas atopamos miradoiros de excepción, praias virxes como O Picón e lugares curiosos como un embarcadoiro que foi recentemente rehabilitado. Nel, as chalanas eran sostidas por roldanas para evitar que fosen arrastradas na preamar.
Restos de muíños de vento e amplos hórreos -construídos integramente de pedra ou con listóns de madeira- danlle cor á aldea próxima. Hoxe en día constitúen un testemuño da época na que a contorna destacaba pola súa produción de cereais.

Castelo do Casón
O Castelo do Casón foi unha antiga torre de vixilancia da Alta Idade Media. Dende a fortaleza, situada na parroquia de Santo Adrián de Veiga, era posible controlar toda a Ría dende Estaca de Bares ata Sismundi.
Actualmente só quedan algunhas pedras do recinto, de estrutura circular. Estaba protexido por tres murallas e un foxo defensivo, aos que se unía o desnivel existente ata o río Casón.
Hoxe en día só é posible apreciar a estrutura do castelo, grazas a un panel interpretativo situado ao seu pé. Con todo, a zona ofrece unhas magníficas vistas sobre a ría de Ortigueira e os montes da Capelada.

Xacemento de Punta dos Prados
O xacemento arqueolóxico de Punta dos Prados atesoura os restos dun pequeno poboado fortificado construído entre os séculos IV e I a.C. Situado estratexicamente en primeira liña da costa, nunha pequena península que cerca ao N.E. a enseada que forma a praia da Concha, presenta un doado acceso situado no propio porto de Espasante.
Exemplo dos chamados castros marítimos, nel o recinto habitacional aparece protexido e illado da zona de acceso natural, mediante a construción de dous foxos en U, intercalados por dúas altas murallas de pedra e terra, completado cun parapeto exterior moi afectado pola erosión.
O espazo intramuros viuse tamén moi alterado polos procesos erosivos e pola súa ocupación en época modernas.
O elemento máis sobresaínte é o monumento con forno, unha sauna ou recinto de baños de vapor. Foi atopada durante a intervención levada a cabo no ano 1987 e comparte as características morfolóxicas que definen os monumentos con forno do Noroeste da Península Ibérica. Como a maioría destas construcións, sitúase parcialmente soterrada, fóra do espazo habitacional, nunha zona con presenza constante de auga, e presenta unha secuencia de diferentes estancias conectadas entre si. Trátase dunha estrutura hipoxea que encaixa contra a cara oriental do foxo, con planta lonxitudinal disposta de Sur a Norte. Atribúese ao século II d.C.
Outros elementos destacados son o antigo acceso ao recinto, un camiño de cantos rodados delimitado por muros e cun torreón arrasado, e materiais como unha arracada de ouro, ou unha conta de pasta vítrea con diferentes óculos.
Este xacemento tivo diferentes intervencións ao longo de diferentes anos (1987- 2009).

Antigo Mercado
O edificio do mercado está situado na praza de Isabel II, no mesmo lugar que ocupara o cárcere derrubado en 1857. O inmoble actual construíuse en 1917 e substitúe a un anterior do ano 1861.
Este antigo mercado de abastos conta con dúas filas de cinco columnas, que carecen de elementos decorativos. O seu teito é de madeira, tanto nas vigas como nas cimbras, e está cuberto de tella plana.
Neste lugar celebrábase un mercado todos os domingos e xoves do mes.

Igrexa Parroquial
A igrexa do antigo convento é a parroquial da vila de Santa Marta dende 1848. De nova construción, ergueuse segundo o proxecto e baixo a dirección do mestre de arquitectura lugués Blas de Barros. Encostada ás que foran o resto das dependencias monacais, ten planta de cruz latina cunha soa nave, cabeceira con capelas laterais, unha única torre e claraboia de tambor sobre o cruceiro.
Accédese á porta principal por un pórtico de catro arcos, cun andar superior abalconado. A torre de tres corpos de ancho decrecente ten trinta e seis metros de altura. É a única parede da nave que se ve dende o exterior, ao lado sur, xa que as demais están unidas ao antigo convento. Presenta unha fermosa portada de tres corpos.
O material empregado é cantería de granito en esquinas, marcos das portas, ventás e adornos. O resto é de cachotería revocada, agás os dous corpos superiores da torre, todos de cantería. O interior está cuberto por unha bóveda de canón. Toda a cuberta divídese en oito compartimentos, aos que hai que engadirlle un noveno, de planta cadrada, que corresponde ao cruceiro. Os arcos que a sosteñen descargan sobre grandes pilastras toscanas unidas ao muro.
Anteriores á construción do templo parroquial son os importantes retablos que garda no seu interior, así como unha lápida sepulcral de alabastro con letras góticas do século XVI, que garda os restos de Martín de Basoa.
Tanto o retablo do Altar Maior como o do Rosario son obra do mestre tallista Juan Domínguez de Estivada. O primeiro deles é de 1766. Consta de dous corpos e, malia que ten nove metros de largo, tende á verticalidade. Domina o arquitectónico sobre o escultórico. Inclúe tallas de Santo Domingo -que o preside-, Santa Rosa de Lima, Santa Catalina, San Pedro Mártir, San Francisco de Asís, a Fe e a Xustiza. Coróaos un altorrelevo da Virxe do Rosario. Pintouse e dourouse por primeira vez no ano 1859.
O retablo do Rosario está realizado en madeira de nogueira. Ten tamén dous corpos e destaca nel unha sutil decoración. O seu aspecto actual é o orixinal, xa que nunca foi pintado nin dourado. O mesmo que o retablo do Altar Maior é de gran calidade e ten grandes imaxes talladas en madeira que amosan posturas e vestimentas variadas. O do Rosario acolle as do Pai Eterno -no remate superior-, a representación da Visitación a María, a Virxe do Rosario, San Xosé e San Xoaquín. Ambos os dous retablos foron restaurados en 1998.

Teatro da Beneficencia
O Teatro de Beneficencia está na ala este do edificio conventual, empregada antigamente polos monxes para almacenar viño e leña. Un grupo de veciños promoveu a finais do século XIX as obras que converteron estas dependencias nun recinto cultural. Froito desta iniciativa, e gracias ás achegas económicas dos habitantes da Vila, inaugurábase en 1850 o Teatro de Beneficencia.
Vinte e cinco anos despois o Concello asumiu os traballos que lle deron o aspecto que hoxe presenta. Só faltaban entón o pano do escenario e as pinturas que decoran o teito, realizadas na década final do século XIX. Estas son obra de Vicente Martínez Laxe en 1892 -predominio dos tons claros e dos corpos medio espidos- e Pedro Castiñeiras -panorámica da Vila-. Ámbolos dous eran artistas locais.
O Teatro rexuveneceuse seguindo a planificación conxunta de Gerardo Salvador Molezún, Rafael Baltar Tojo, José A. Bartolomé Argüelles e Carlos Almuiña Díaz, e reinaugurouse en 1991. O local de 35 x 6,5 metros, con escena, palco e paraíso, amosa actualmente toda a súa beleza, propia dunha pequena obra de arte con sabor romántico.

Convento-Casa Consistorial
O Convento é rectangular, con dous andares, patio interior e engadidos secundarios. A fachada principal, que fai ángulo co adro da Igrexa, ten a porta de entrada en escorzo e está gardada por pilastras de estilo toscano que sosteñen o entaboamento. Na parte superior remata cun reloxo, gardado por unha especie de pequena bufarda. É obra do coruñés Ramón Antonio Iglesias, quen o instalou no ano 1862. A súa esfera está coroada por unha campá fundida en Mondoñedo.
No interior atópase o claustro. Nunha das paredes da escaleira principal hai tres escudos labrados en pedra. Considérase que un deles é a versión orixinal do emblema ortigueirés, atopado en 1907.
O Convento foi ata o ano 1835 o centro relixioso e cultural da Vila. Trala desamortización o Estado apropiouse do edificio e vendeu as súas posesións. Cárcere, escola, cuartel… foron algunhas das funcións ás que se dedicaron as súas dependencias.
Este conxunto conventual está na actualidade restaurado, tanto interior como exteriormente. As instalacións acollen unha prestixiosa Casa Consistorial, reinaugurada en 1995, e o Centro de Interpretación.
A Casa Consistorial rehabilitouse seguindo o proxecto do arquitecto ferrolán Ramón Riveira López. Destaca a Sala Capitular ou Salón de Sesións, no pavillón de entrada do segundo andar. Nesta estancia pode verse o teito artesoado que data de 1886.

Conxunto conventual
O conxunto presenta hoxe en día un aspecto remozado que respecta de xeito rigoroso o seu carácter arquitectónico. O estado actual destas dependencias é froito dunha serie de obras de rehabilitación desenvolvidas entre 1991 e 1998.
As orixes do conxunto correspóndense cunhas primeiras edificacións construídas na primeira metade do século XVI, destinadas ao convento da Orde dos Dominicos instalada na Vila dende 1303. Con todo, as edificacións que chegaron aos nosos días son do século XVIII.
O convento orixinario foi destruído por un incendio no ano 1550. Malia que se realizaron obras de reconstrución ao longo do século XVI e nas primeiras décadas do XVII, estaba en estado ruinoso a comezos do século XVIII. Será ao longo do XX cando se realicen os traballos que lle deron ao conxunto o seu aspecto actual, incluíndo a Igrexa, levantada de nova planta en 1776. O Convento co claustro e a Igrexa co seu adro ocupan unha superficie total de 5.000 metros cadrados.
O conxunto conventual acolle hoxe en día a Casa Consistorial, o Teatro da Beneficencia, o Centro de Interpretación e a Igrexa parroquial.

Biblioteca Municipal
Este antigo Grupo Escolar foi construído en 1909, seguindo os planos do arquitecto coruñés Julio Galán. Trátase dun edificio con corpo central de dous andares, e dous corpos laterais máis. Os interiores son anchos, estando a fachada principal engalanada cos escudos de Ortigueira, A Coruña e España.
Despois de ser escola de nenos e nenas durante moitas décadas, quedou como sede de agrupacións culturais e acolleu provisionalmente as oficinas da Administración municipal. Hoxe en día, tras ser sometido a un completo proceso de rehabilitación, alberga a Biblioteca e o Arquivo Municipal.

Rúa Real-Cantóns
A rúa Ancha ou Real e Os Cantóns -na actualidade Rúa Real- constitúen o auténtico corazón da Vila. Dende as últimas décadas do século XIX, e todo o XX, este espazo erixiuse como o seu centro comercial. As casas que o rodean acolleron as máis importantes agrupacións sociais que se formaron na localidade. Nelas naceron e residiron, ademais, as personaxes máis representativas que Santa Marta lle deu á política e á cultura durante a Idade Contemporánea.
O aspecto desta vía urbana -que hoxe leva o nome de Luciano Pita- non variou dende comezos do século XX, agás polos edificios construídos nos seus extremos. Estes non gardan relación coa visión xeral das construcións nobres, con esquinas e marcos de granito, balcóns de ferro forxado e brancas galerías.
Os Cantóns son os paseos laterais desta rúa, que presenta unha anchura de cinco metros e unha lonxitude de sesenta e cinco. O percorrido conta con bancadas para o repouso e árbores decorativas.
O primeiro que atopamos na marxe oriental da rúa Real é a Casa Puentes, que funcionou como fábrica de chocolate. Nun dos seus muros gorece unha porta con arco de medio punto, de factura antiga. Séguea un edificio propiedade do Obispado de Mondoñedo – Ferrol.
Dúas casas máis aló atópase a que fora farmacia de Pedro e Benigno Castiñeiras, onde a principios de século se celebraban numerosas tertulias sobre arte. Continuando o paseo érguese a casa natal de Ramón Armada Teixeiro, home emigrado a América na segunda metade do século XIX. Armada, quen cultivaría a poesía en galego nos tempos do Rexurdimento, foi organizador de sociedades de emigrados e membro fundador da Real Academia Galega.
Rúa arriba, a veterana imprenta Foxo, con máis de cen anos de historia ás súas costas, continúa funcionando hoxe só como libraría. Próxima a ela está a casa da familia Pita Romero. Nela viviron Leandro Pita Sánchez-Boado, pensador e principal impulsor do asociacionismo agrario a comezos do século XX, e o seu fillo Leandro Pita Romero. Pita Romero foi ministro en varios gobernos da Segunda República española e o único embaixador da mesma ante a Santa Sé, antes que tivera que emigrar a Arxentina tralo Alzamento Militar do 36.
Tamén verá o camiñante a vivenda natal de Benigno Teixeiro Martínez, un home que emigrou a América polos anos 60 do século XIX. Despois de percorrer diversos países instalouse na localidade arxentina de Concepción do Uruguai, onde foi profesor. Desenvolveu asemade unha intensa produción publicística, destacando as de carácter pedagóxico e histórico.
No que respecta á marxe occidental da rúa Real, as casas de maior tradición na historia recente de Santa Marta teñen as súas fachadas frontais cara aos Cantóns. Facendo esquina co principio da rúa Alameda está a Casa Barahona, que acolleu diversas tertulias no seus baixos. Séguena os locais do Nuevo Club, sociedade de recreo que antes foi estanco e o Café do Centro. Ao seu carón está a Casa da Cordeira, construída polo indiano Manuel Pérez Orosa. A construción, que presenta fachada modernista e interiores decorados con estucos, foi pousada do literato Alberto Insua, sede do Centro Artístico Ortegueirés, comedor social, academia…
A continuación atópase a casa que albergou o Casino Ortegano, onde se decidiu toda a política local na época da Restauración. Como reacción á rixidez desta sociedade, un grupo de mozos crearon o Nuevo Club, que tivo a primeira sede no edificio lindeiro.

Barrio do Ponto
Este é o barrio no que residiron os primeiros habitantes de Santa Marta. Está formado por rúas irregulares e estreitas, como a maioría das casas que a elas asoman. Sitúase arredor da Praciña dos Anxos, un espazo de escasas dimensións dividido por dúas zonas a diferente altura unidas por unha escalinata. O conxunto data de finais do século XIX.
Accedese á Praciña dende a Praza de Isabel II, a través das rúas da Amargura, Príncipe ou Manuel Sandomingo. Destaca ao seu carón a casa da familia Maciñeira.
Na Praciña situábase a Casa do Concello, un edificio de planta cadrada, con aspecto rexio e antigo. As entradas do conxunto están na parte baixa e na rúa de San Roque. A pesar do seu aspecto humilde, neste inmoble tiveron lugar diversas actuacións do Alcalde Maior de Xustiza e Rexemento. Albergou asemade as oficinas do Concello, os arquivos administrativo, xudicial e o dos escribáns, ata que pasaron ao edificio conventual en 1848. Nove anos despois foi sede da primeira escola de nenas da Vila. A construción orixinaria data do século XVI.
Dende aquí, a rúa San Xosé lévanos ata a alameda do Ponto, tamén chamada Cemiterio Vello. Este espazo arborado acolleu a igrexa parroquial -e os enterramentos adxacentes- ata o ano 1849. Máis arriba atópase o que fora Hospital de San Roque, inaugurado en 1885.
Este paseo polo Ponto remata na parte norte do recinto do Cemiterio Novo. Situado na mesma punta da Península do Requeixo, está aberto á beleza e á brisa da Ría.