Xornadas gastronómicas

Mercado mariñeiro de Ortigueira

Co gallo de dinamizar o período vacacional e atraer novos visitantes á localidade, o Concello organiza durante a terceira fin de semana de agosto o "Mercado mariñeiro de Ortigueira".

A iniciativa recreativa, realizada en colaboración coa Confraría de Pescadores de Espasante, está pensada para darlle pulo ao turismo gastronómico no municipio e mostrar a calidade dos produtos da ría.

A cita inclúe unha feira temática, actividades recreativas ao redor do mar, animación na rúa e concertos. Non entanto, o corpo central da oferta é a multitudinaria degustación popular de ameixa e berberecho da ría de Ortigueira- Ladrido, prevista para o mediodía do último día.

Feira do mel

Este evento, de marcado carácter gastronómico, desenvólvese na Vila coincidindo coa festa de San Martiño, e sirve para promocionar este produto de máxima calidade e a apicultura como actividade tradicional a conservar.

Con máis de vinte edicións ás súas costas, a feira sumou nas súas últimas entregas ás degustacións e aos postos de comercialización de mel elaborado na zona, casetas de artesanía e obradoiros lúdicos.

A festa busca, en definitiva, fomentar o consumo de mel de Ortegal, un produto natural con innumerables beneficios para a saúde, e que vén cobrando tamén gañando forza en eidos como o da cosmética.

Xornada gastronómica de doces do entroido

En pleno entroido, en Ortigueira non faltan nin os disfraces nin a boa mesa. Por iso, o concello convoca anualmente unha xornada gastronómica de doces propios desta festa (orellas, bólas freixós e pestiños), na que poden participar todos os veciños e veciñas con inquietudes culinarias. Tras a entrega de premios, realízase na Vila unha degustación popular.