Rúa Real-Cantóns

A rúa Ancha ou Real e Os Cantóns –na actualidade Rúa Real- constitúen o auténtico corazón da Vila. Dende as últimas décadas do século XIX, e todo o XX, este espazo erixiuse como o seu centro comercial. As casas que o rodean acolleron as máis importantes agrupacións sociais que se formaron na localidade. Nelas naceron e residiron, ademais, as personaxes máis representativas que Santa Marta lle deu á política e á cultura durante a Idade Contemporánea.

O aspecto desta vía urbana –que hoxe leva o nome de Luciano Pita- non variou dende comezos do século XX, agás polos edificios construídos nos seus extremos. Estes non gardan relación coa visión xeral das construcións nobres, con esquinas e marcos de granito, balcóns de ferro forxado e brancas galerías.

Os Cantóns son os paseos laterais desta rúa, que presenta unha anchura de cinco metros e unha lonxitude de sesenta e cinco. O percorrido conta con bancadas para o repouso e árbores decorativas.

O primeiro que atopamos na marxe oriental da rúa Real é a Casa Puetes, que funcionou como fábrica de chocolate. Nun dos seus muros gorece unha porta con arco de medio punto, de factura antiga. Síguea un edificio propiedade do Obispado de Mondoñedo – Ferrol.

Dúas casas máis alá atópase a que fora farmacia de Pedro e Benigno Castiñeiras, onde a principios de século se celebraban numerosas tertulias sobre arte. Continuando o paseo érguese a casa natal de Ramón Armada Teixeiro, home emigrado a América na segunda metade do século XIX. Armada, quen cultivaría a poesía en galego nos tempos do Rexurdimento, foi organizador de sociedades de emigrados e membro fundador da Real Academia Galega.

Rúa arriba, a veterana imprenta Foxo, con máis de cen anos de historia ás súas costas, continúa funcionando hoxe só como libraría. Próxima a ela está a casa da familia Pita Romero. Nela viviron Leandro Pita Sánchez-Boado, pensador e principal impulsor do asociacionismo agrario a comezos do século XX, e o seu fillo Leandro Pita Romero. Pita Romero foi ministro en varios gobernos da Segunda República española e o único embaixador da mesma ante a Santa Sé, antes que tivera que emigrar a Arxentina tralo Alzamento Militar do 36.

Tamén verá o camiñante a vivenda natal de Benigno Teixeiro Martínez, un home que emigrou a América polos anos 60 do século XIX. Despois de percorrer diversos países instalouse na localidade arxentina de Concepción do Uruguai, onde foi profesor. Desenvolveu asemade unha intensa produción publicística, destacando as de carácter pedagóxico e histórico.

No que respecta á marxe occidental da rúa Real, as casas de maior tradición na historia recente de Santa Marta teñen as súas fachadas frontais cara aos Cantóns. Facendo esquina co principio da rúa Alameda está a Casa Barahona, que acolleu diversas tertulias no seus baixos. Síguena os locais do Nuevo Club, sociedade de recreo que antes foi estanco e o Café do Centro. Ao seu carón está a Casa da Cordeira, construída polo indiano Manuel Pérez Orosa. A construción, que presenta fachada modernista e interiores decorados con estucos, foi pousada do literato Alberto Insua, sede do Centro Artístico Ortegueirés, comedor social, academia...

A continuación atópase a casa que albergou o Casino Ortegano, onde se decidiu toda a política local na época da Restauración. Como reacción á rixidez desta sociedade, un grupo de mozos crearon o Nuevo Club, que tivo a primeira sede no edificio lindeiro.