Como é Ortigueira

A comarca de Ortegal, situada na provincia da Coruña, é a máis septentrional da península Ibérica. Caracterízase pola beleza e contraste das súas paisaxes. Así, atopamos na zona vales fértiles e elevadas serras que caen de novo ao mar para formar abruptos cantís ou afundirse suavemente nas praias do contorno.

O concello de Ortigueira artella a comarca. Un punto de encontro que conxuga montaña, val, río, mar e especilamente ría, a máis ampla de todo o norte de Galicia.

Ortigueira limita cos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, As Somozas, As Pontes e Mañón, todos eles pertencentes á provincia da Coruña, en pleno corazón das Rías Altas.

Xeomorfoloxía

A topografía do Concello é moi accidentada. As serras da Capelada e Faladoira - Coriscada non presentan cotas de grande altitude. Os seus cumios máis elevados sitúanse a carón do mar, contrastando co contorno da Ría, que ofrece alturas inferiores aos 100 metros.