Praia de Morouzos

É o areal máis extenso dentro da Rí­a de Ortigueira e Ladrido, contando cuns 4 quilómetros de lonxitude e 110 metros de anchura.

Ten forma irregular, aplanada en dirección norte-sur e alongada nos seus extremos, debido á formación de barras areosas.

O máis destacable do areal de Morouzos-Cabalar é o cordón de dunas litorais que se forma a continuación, sendo un dos máis representativos da comunidade galega. Este cordón de dunas propiciou o represamento de auga que deu lugar á formación da lagoa de San Martiño, situada ao suroeste da praia e recuperada recentemente.

A totalidade da área de dominio público marí­timo da praia, que contén unha gran variedade de ecosistemas de alto valor e que comprende desde os chans intermareais fangosos ata un sistema dunar completo e un piñeiral traseiro, foi obxecto fai un lustro dun proxecto de rexeneración que permitiu ademais mellorar os equipamentos (servizos adaptados, aparcadoiro, pasarelas, refuxios ) e a accesibilidade.

Pola súa calidade, o seu alto nivel de servizos e o compromiso coa divulgación ambiental (puntos de interpretación natural, torretas observación aves…), a praia de Morouzos, a única con area escura do Norte, conta desde fai anos coa Bandeira Azul e a Bandeira Ecoplayas.