A Ría de Ortigueira - Ladrido

Delimitada polas serras de Capelada ao oeste e Coriscada ao leste, a Ría de Ortigueira e Ladrido constitúe un típico sistema de esteiro con saída a mar aberto entre os cabos Ortegal e Estaca de Bares. Nela desembocan os ríos Mera e Baleo, dando lugar a amplas marismas e barras areosas. Estas configuran no seu conxunto a praia de Morouzos que, en marea baixa, forma un tómbolo coa illa de San Vicente.

É un dos espazos naturais de maior importancia ecolóxica do litoral galego, tanto polo seu bo estado de conservación como polo número e extensión dos hábitats costeiros que alberga (planicies intermareais, marismas, cordóns dunares...).

Este enclave natural, rico como poucos en flora e fauna, conta con numerosas figuras de protección, destinadas a garantir a súa biodiversidade. Así, aparece no catálogo de espazos en Réxime de Protección Xeral; está incluído na listaxe de humedais de importancia internacional; é Zona de especial protección de aves (ZEPA) e forma parte da Rede Natura 2000.